As Tanxugueiras tocarán gratis en Lugo o domingo do Arde Lucus

A alcaldesa de Lugo anunciou hoxe que as Tanxugueiras serán un dos pratos fortes musicais da festa do Arde Lvcvs deste ano, programación na que está a traballar a concellería de Xuventude ao fronte. O concerto do trío galego, integrado por Aída Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, será o vindeiro 12 de xuño na Praza de Santa María.

“A actuación será de balde”, avanzou a rexedora, que puxo en valor o traballo destas “mulleres galegas, fortes, valentes e empoderadas, que non só están a achegar a cultura galega á xente máis nova, o que permite que arraigue un sentimento de amor e respecto pola nosa identidade, senón que poñen a Galicia no mapa español e internacional”.

Méndez destacou que o talento destas artistas xa teñen a súa marca na cidade, “xa que con elas bautizamos a nova pasarela que une a trama urbana co Miño, a nosa Tanxurela, e tamén teñen unha placa co seu nome na Rúa Menorca”.

Repetto incidiu, pola súa banda, en que “o Arde Lvcvs regresa con toda a súa forza nesta edición co obxectivo de revitalizar os sectores cultural, hostaleiro e de ocio atraendo á nosa cidade actuacións de gran nivel, como é este caso”.

O edil destacou a importancia do Arde Lvcvs para divulgar o patrimonio e a historia da cidade xa que “Lugo recuperará o esplendor desta festa despois de dous anos marcados pola pandemia, ademais de estar a dar pasos para que sexa unha edición moi especial e teña a maior relevancia internacional posible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com