O Goberno dá orde de retirar os parquímetros da Ora

As máquinas do sistema Ora teñen os días contados. A alcaldesa de Lugo vén de dar orde para proceder á súa retirada.

Cando só resta unha peza separada, de tipo penal, para concluír definitivamente todo o proceso legal que afectou á licitación deste servizo, a rexedora lucense iniciou o procedemento para sacar das rúas estes parquímetros, actualmente en desuso.

Unha decisión que, segundo a rexedora, “obedece á necesidade de seguir avanzando na eliminación de barreiras que dificulten a mobilidade peonil e de mellorar a estética do conxunto da cidade ao tempo que se evita un foco de confusión para visitantes que descoñecen que, actualmente, estas máquinas non se atopan operativas”.

A este respecto, a alcaldesa incidiu en que a actuación concorda “cos cambios da mobilidade urbana que está a experimentar Lugo, dentro da transformación do municipio que iniciamos xa no anterior mandando, baixo parámetros de sostibilidade. Onde ao tempo que incrementamos os espazos restrinxidos ao tráfico rodado e proxectamos zonas de baixas emisións, procuramos disuadir máis do uso do vehículo particular fronte ao transporte colectivo e fomentamos a utilización doutros medios como a bicicleta, para o que nos estamos dotando dunha senda ciclista de máis de 14 quilómetros de lonxitude e habilitando máis e mellores estacionamentos nos diferentes barrios da capital, todos eles, totalmente gratuítos”, subliñou a primeira edil.

En total, quitaranse ao redor de 60 postes. Traballos que o Executivo local agarda “poidan iniciarse canto antes” ao abeiro dun contrato de tipo menor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com