A Facultade de Veterinaria do campus lucense volveu ser o escenario para a gala de entrega do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, como viña sendo habitual antes da chegada da pandemia. Esta noite o seu auditorio acolleu de novo o acto final da vixésimo segunda edición deste galardón.
A cerimonia foi presidida polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, quen estivo acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, María Cruz Díaz Álvarez, os catro membros do xurado, xunto a Carme Pampín, CEO de GalChimia, quen non puido acudir á gala por motivos persoais. Na mesa presidencial sentou ademais, como representante da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos Corral.
Tras a benvida do reitor da USC, María Cruz Díaz, ofreceu a conferencia maxistral “Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo”, durante a que diferenciou claramente estes dous ámbitos e centrouse no desenvolvemento do campo e nas técnicas que se deberán afrontar #ante o aumento da demanda de produtos e a importancia da seguridade alimentaria, todo nunha situación cambiante e tremendamente afectada pola actual guerra en Ucraína.
A continuación tivo lugar a lectura da acta co fallo do xurado por parte da secretaria do mesmo, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a entrega do Premio ao Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente de Aresa entregaron a placa conmemorativa e os 10.000 euros cos que está dotado o premio a Luís García Fernández, director do centro.
EFA Fonteboa, máis de 45 anos de formación
O Centro de Promoción Rural- EFA Fonteboa fundouse en 1975 como iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do ámbito rural e establecer un sistema pedagóxico innovador orientado á promoción do medio rural a través das persoas.
Nos seus máis de 45 anos de andaina graduó a preto de 1.000 estudantes de formación profesional agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario, contribuíndo a fortalecer o tecido económico e social do rural galego.
Tras a entrega do XXII Premio Aresa, Luís García, director do centro, dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa e aos membros do xurado, “sentimos moi agradecidos”.