O Concello de Vilalba publicou as bases do XLVIII Premio de Poesía do seu Certame Literario, dotado con 7.000 euros e a publicación da obra. O prazo para presentar os traballos remata o 3 de xuño ás 14:00 horas.
Este certame pretende cumprir co obxectivo do goberno local de impulsar a produción cultural e tamén busca apostar pola creación poética en lingua galega. O gañador ou gañadora recibirá, ademais da dotación económica, unha flor natural e un diploma.
Poderán concorrer ao concurso todos os autores e autoras que o desexen, sempre que presenten as obras en lingua galega. Os poemas serán orixinais e inéditos, non premiados noutros concursos en datas anteriores ao fallo do xurado.
As obras poderanse enviar por vía electrónica a través da páxina http://www.certamedevilalba.org/inscricion, na que se indicará o lema que distinga o traballo e achegarase o arquivo en formato PDF, co contido da obra.
A continuación, os e as participantes enviarán por correo ordinario un sobre pechado no que figurará o lema do traballo. No seu interior irá o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, teléfono, poboación de residencia e declaración formal de que a obra é inédita, xunto cunha pequena biografía do autor/a. Debe enviarse ao Concello de Vilalba (Praza da Constitución número 1).
O xurado será nomeado mediante resolución da Alcaldía, e estará composto por persoas vencelladas ao eido da cultura e da educación. A composición do xurado farase pública na páxina web https://www.vilalba.gal/ e na Sede Electrónica do concello.
O Certame Literario de Vilalba é un premio de poesía en galego con case 50 anos de historia, cuxa entrega de premios celébrase tradicionalmente en agosto.
Dende o seu nacemento, en 1975, recoñecidos autores da literatuta galega como Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Xavier Alcalá ou Yolanda Castaño xa recolleron o premio, un dos máis destacados do panorama poético de Galicia.