A Fundación TIC gravou este martes un lipdub en apoio á Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) e ao Centro de Empresas e Innovación de Lugo (CEI-Nodus). No acto participaron a Deputada en funcións de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a presidenta de AELU, Beatriz Varela, e a coordinadora do CEI-Nodus, Isabel Villamor.
Méndez, en declaracións aos medios, quixo resaltar a boa sintonía que protagonizou o encontro de onte ca formación Lugonovo, xa que segundo afirmou “son moitos os puntos programáticos en común e ás reclamacións de Lugonovo son perfectamente asumibles”. Esta tarde terá lugar un novo encontro, esta vez co BNG-AA, ao que acude segundo dixo, “moi tranquila e con actitude totalmente dialogante”.
A finalidade desta iniciativa é divulgar o vídeo a través das redes sociais para fomentar e promover as empresas e o emprendemento do CEI do Concello lucense.
A gravación do lipdub, que é un vídeo musical no que un grupo de persoas sincroniza o movemento dos labios e dos xestos cunha canción popular, tivo lugar nas instalacións do CEI e agora comeza o proceso de post-produción. Na elaboración do lipdub traballan alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), como parte da súa formación práctica, e baixo a supervisión dos profesionais da TIC.
Na gravación participaron máis de 100 persoas: os membros da asociación, das empresas que están no CEI-Nodus e alumnos do programa Lugo Emprego Activo. Ademais colaboraron na actividade os bombeiros de Lugo, que tamén teñen a súas instalacións no antigo cuartel de Garabolos, que aportaron un dos seus vehículos para a realización do lipdub. Todos eles bailaron ao ritmo da canción Madre Tierra, do artista Chayanne, coa coreografía creada polo ximnasio +QFitness, un dos socios de AELU.
Co material audiovisual, estudantes e técnicos da Fundación editarán o videoclip da peza musical, para a súa posterior difusión nas redes sociais polo CEI, AELU e as empresas que integran a asociación. A achega da Fundación TIC é froito do convenio asinado con AELU, co fin de promover o labor de apoio ás mulleres empresarias de Lugo e provincia.
O Centro de Empresas e Innovación (CEI) é unha iniciativa do Concello de Lugo para a promoción económica da cidade e un apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Con este obxectivo o CEI céntrase en tres áreas básicas de servizos: facilitar a creación de empresas de carácter innovador nun contorno idóneo para a xeración de novas iniciativas, a programación dunha oferta continuada de formación en materia de xestión e a innovación empresarial. Tamén ofrece o asesoramento para todo tipo de empresas interesadas en iniciar proxectos vinculados ao I+D+i. Neste momento, acolle a 22 empresas.
Pola súa banda, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter multisectorial, fundada no anos 1988, que representa os intereses de 110 empresas e socias.
O obxectivo fundamental da AELU é defender os valores humanos, sociais e profesionais da muller na súa condición de empresaria. Na Asociación tamén realizan labores de asesoramento na nova creación de empresas e proxectos de dinamización empresarial.