A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla solidarízase coa folga de transporte que iniciaron este luns os camioneiros e mostran o seu apoio ás medidas que reclaman ás Administracións públicas.
“O sector do transporte por estrada atópase nunha situación parecida á que nos encontramos a día de hoxe os gandeiros, dado que a suba dos custos que se produciu nos últimos meses está a afogalos, facendo que traballen perdendo cartos. As súas reivindicacións son xustas, igual que o son as nosas”, argumenta o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro.
“Unha vez máis o Goberno español demostra que vai con retraso, porque na maior parte dos países da UE a día de hoxe xa están tomando medidas de cara a parar esta sangría de subida de prezos, sobre todo das enerxías, mentres aquí aínda non se tomou ningunha medida, cando por todos é sabido que no prezo dos carburantes máis da metade do prezo final son impostos, que afectan ademais de xeito proporcional ao prezo de venda”, insisten desde Agromuralla, que demandan medidas para conter a escalada de prezos dos combustibles e a electricidade en xeral, que sofre toda a cidadanía no seu conxunto, e especialmente no caso dos profesionais do transporte ou a agricultura.
Agromuralla considera que tanto o sector primario como o do transporte son “sectores básicos que calquera Goberno debería salvagardar”. “Durante o confinamento e os momentos máis duros da pandemia demostrouse que hai cousas das que non se pode prescindir e tanto os gandeiros como os camioneiros somos sectores esenciais”, afirma José Luis Pérez Barreiro, que pide “empatía, apoio e solidariedade” por parte da sociedade.
“Os camioneiros son os nosos compañeiros de viaxe, cos que traballamos día a día, pois nós producimos os alimentos e eles encárganse de achegalos aos puntos de destino para que non haxa desabastecemento e ao consumidor non lle falte de nada”, recalca.
O encarecemento do transporte está a afectar tamén de cheo sobre o sector agrogandeiro, incrementando os portes de insumos básicos para o día a día das granxas, como son as materias primas para a alimentación do gando.
Neste sentido, Agromuralla explica que os portes dos cereais aumentaron nos últimos tres meses, desde o mes de decembro de 2021 ata comezos deste mes de marzo, un 16% desde Castela e un 9% desde o porto da Coruña.
“Traer ata unha granxa da provincia de Lugo unha tonelada de millo, trigo ou cebada desde León custa hoxe 13€, cando en decembro custaba 11,20; e desde Palencia 18€, cando hai só tres meses estaba a 15”, detalla. No caso das viaxes desde os almacéns do porto da Coruña, saen hoxe a 7,9€ a tonelada, cando en decembro pasado eran 7,20€.
Ao encarecemento nos custos de transporte hai que engadir a propia suba dos cereais e do resto de materias primas de alimentación do gando. No último ano, a tonelada de millo pasou de custar 180€ a estar hoxe a 327€; a soia de 380€ púxose a 523€ e a colza pasou de 320€ a 460€, explica Agromuralla.
O gasóleo agrícola tamén duplicou o seu prezo pasando de 58 céntimos na pasada campaña de ensilado de herba a estar a 1,45 nestes momentos. “Achégase un dos momentos de máis consumo para nós, porque vén o momento de ensilar o raigrás e dentro de dous meses o de labrar o millo. Co prezo actual do gasóleo e os fertilizantes, este ano producir as nosas propias forraxes, algo fundamental para depender o menos posible das compras de insumos externos, vai ser moito máis caro para as granxas”, indica José Luis Pérez Barreiro.
As explotacións traballan a día de hoxe con marxes negativas que as sitúan nunha situación moi comprometida. “Coas subas producidas nos pensos, o gasóleo, a electricidade e os fertilizantes o custo de produción das granxas disparouse no último ano, mentres o prezo do leite permanece practicamente estancado”, denuncia o presidente de Agromuralla.