Este venres chega as pantallas lucenses O acontecemento, o filme de Audrey Diwan baseada na novela de Annie Ernaux que gañou o León de Ouro no último festival de Venecia.
A literatura da escritora francesa Annie Ernaux converteuse nunha crónica non só da súa vida, senón tamén un relato íntimo e veraz dos sentimentos, as intimidades, as inseguridades e as discriminacións de toda una xeración de mulleres. Os libros de Annie Ernaux son unha autobiografía secreta que vai desde a súa xuventude ata a madurez, o seus tempos de estudante, a súa maternidade, a relación cos seus pais e, sobre todo, o mundo segredo das mulleres, oculto por culpa dunha sociedade patriarcal: as reunións, as confidencias, a culpabilidade por non cinguirse a un prototipo de muller, as relacións amorosas ou o aborto. Precisamente este último, o feito traumático de ferir o propio corpo para poder seguir vivindo, nunha sociedade que consideraba ilegal este acto, é o tema central de O acontecemento, unha das súas novelas máis celebradas e un clásico da literatura feminista que agora, da man da cineasta Audrey Diwan, chega á gran pantalla.
Así, o filme de Diwan, seguindo as verbas de Ernaux, constrúe un mundo fascinante na Francia dos anos sesenta, unha sociedade secreta de mulleres obrigadas a ser elas mesmas unicamente na clandestinidade. Na escuridade e na intimidade dos espazos libres de violencia, desenvólvese o desexo e unha autoafirmación de xénero, de mulleres aliadas nun mundo onde todo está contra ela. A actuación de Anamaria Vartolomei como alter ego da propia Ernaux consigue expresar nos seus ollos, no seu rostro e no seu corpo todo o drama e a paisaxe interior das mulleres que se viron obrigadas a abortar para manter a súa liberdade, nunha Francia onde o aborto era ilegal, ademais dunha condena social.
A adaptación de Diwan, ao igual que a obra de Ernaux, é ao mesmo tempo dura e fermosa. De asistir á dor desa moza nunha situación terrible, pero a mesmo tempo doce e arrepiante mirada ao mundo íntimo dunha muller. O filme estreouse cun éxito arrebatador no festival de cinema de Venecia de 2021, onde gañou o premio á mellor película, o prezado León de Ouro. Desde entón, todo foron eloxios para unha película moi especial, incluídos os da propia Ernaux, que viu a mellor tradución en imaxes posible para a súa novela.
O filme chega finalmente a Lugo tras adiarse en varias ocasións debido ao coronavirus. Faino coa bendición da crítica e do público francés, da escritora da obra orixinal e tamén de moitos dos lectores que ten no mundo Annie Ernaux.