O Concello recuperará da cloaca romana no Carme para que sexa visitable

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe o inicio do proceso de contratación das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá (a principal da cidade), no barrio do Carme, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade. “Na Xunta de Goberno que celebraremos mañá aprobaremos a licitación destes traballos, para os que destinaremos un orzamento de 436.145 euros”, avanzou a rexedora.

Lara Méndez, que estivo acompañada da tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos, e Enrique González, arqueólogo municipal, explicou que “este investimento enmárcase na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, para defender tanto o seu patrimonio, como para que sexa un recurso dun turismo de calidade e sostible”.

“Unha vez máis, dende o Concello, sen ser a administración coas competencias en patrimonio, xa que estas son propias da Xunta de Galicia, decidimos levar a cabo esta intervención en beneficio do conxunto dos lucenses e da cidade”, engadiu, e amosouse confiada en que “este avance supoña un acicate para que a Xunta cumpra o seu compromiso de construír o museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, que converterá a Lugo no centro cultural referente do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular”.

A intervención componse de dúas partes complementarias entre si:

Por unha banda, a parte de obra civil e arquitectónica, de adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible. Isto conlevará reestruturar o espazo actualmente destinado a servizos e almacén que hai por detrás da Sala de Exposicións, dotándoo dunhas escaleiras, un elevador e uns novos aseos. O soto tamén se adecuará, con impermeabilizacións, revestimentos, solados e todas as instalacións precisas para o futuro uso.

Doutra banda, a parte de escavación, estudo dos achados arqueolóxicos, restauración e consolidación da cloaca romana. Isto irá acompañado da parte museográfica. É dicir, primeiramente recuperarase a cloaca a un bo estado de conservación para ser exposta e, posteriormente, acompañarase á mesma cun equipamento de museografía para explicar ao público a súa función e contexto na época romana.

A veciñanza poderá realizar, explicou a alcaldesa, “unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana”. Engadiu que “o obxectivo é poder mostrar á cidadanía en xeral e visitantes a cloaca romana orixinal en bo estado, na súa localización real e orixinal, aproveitando o local para realizar exposicións e explicacións sobre esta infraestrutura contextualizando na época”.

“O acondicionamento do espazo que alberga os restos arqueolóxicos da cloaca romana permitiranos seguir ampliando o coñecemento sobre a historia de Lugo, e comprender, ao mesmo tempo, o funcionamento da urbe máis antiga de Galicia durante as súas orixes”, subliñou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com