Na asemblea xeral extraordinaria que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) convocou para esta tarde, directiva e asociados acordaron pedirlle á Xunta que non aplique a partir do 1 de xullo o plan de conservación do monumento natural praia das Catedrais.
Acisa considera que é necesario crear máis prazas de aparcadoiro e ampliar as escaleiras de acceso á praia. A asemblea cre que “iso é o que hai que facer antes de limitar o acceso Ás catedrais coa expedición de tíckets a través dunha páxina web, dende o Concello, dende os hoteis ou dende o veciño municipio de Barreiros”.
“Cremos que coas porcentaxes propostas pola Xunta o número de entradas que recibiría Acisa, para repartir entre os nosos asociados, é insuficiente e ademais nos podería xerar problemas coa lei de protección de datos se nós temos que ocuparnos de solicitar eses tíckets para os nosos clientes”.
Acisa pide que se actúe con “sentido e con moita prudencia, porque a imaxe de Ribadeo pode resultar seriamente danada. Ninguén está de acordo co plan a Xunta e o que nos demandan os nosos asociados é que pidamos a paralización desa actuación, que entrará en vigor o 1 de xullo,”.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo baralla iniciar unha campaña de recollida de firmas entre toda a sociedade ribadense “co obxectivo de facer unha fronte común contra unha medida que non consideramos oportuna neste momento, a quince días de iniciarse a tempada alta deste 2015,”.
Á asemblea de Acisa desta tarde acudiron tamén algúns hostaleiros e comerciantes non asociados que apoiaron unanimemente esta proposta. Acisa espera que o Concello e todos os grupos políticos con representación na recén constituída Corporación Municipal adhíranse ás súas peticións e ás campañas que se poidan poñer en marcha ao longo dos próximos días. Tamén fan unha chamada á Deputación de Lugo, como parte implicada na estrada de acceso á praia das Catedrais.