Si, hai saída celebra o seu 8º aniversario manifestando a súa preocupación diante o aumento da violencia de xénero

A Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero celebramos nestes días o noso 8 aniversario. Oito anos xa desde aquela tarde de Marzo do 2014 na que iniciábamos unha andaina que xa augurábamos difícil, pero ao longo da cal nos atopamos con atrancos que superaron, e están a superar, con creces, todos aqueles que podíamos intuir.

Eramos perfectamente conscientes do duro camiño que estabamos a emprender, pero tamén tiñamos os nosos obxectivos moi claros, uns obxectivos difíciles de acadar, porque loitar contra a violencia de xénero, tentar sacar a tantas mulleres, aos seus fillos, dun inferno que tantas vidas se está a cobrar, lanzar a mensaxe de que esta loita é responsabilidade de todos e de todas, que a violencia machista pode chamar a nosa porta, a de alguén que  queremos, en calquera momento, sen distincións, independentemente da clase social, da posición económica, nunha sociedade na que está cada vez mais normalizada, non era, non é, unha tarefa doada, pero chegamos a crer, hoxe sabemos que inxenuamente, que atoparíamos unión, que a nosa contribución sería aceptada de bo grado.

Nada mais lonxe da realidade, e pronto comprobamos, para a nosa sorpresa, que ao abeiro da violencia de xénero se acubillaba un suculento negocio para moitos que non deixa de medrar, de xerar ingresos e outras prebendas, e que o principal motivo para ser rexeitados era, precisamente, non lucrarnos desta desgraza, non cobrar polo noso traballo, nin perseguir ningún outro beneficio,outra finalidade que non fora axudar en todo o posible as mulleres que se achegaban a solicitar a nosa axuda.

Tampouco foi aceptada, nin moito menos entendida, a nosa negativa a posicionarnos a favor dese cremos que moi mal chamado feminismo, radical, tiránico, que amosa ao home coma o inimigo e que rexeita automaticamente a canta muller non se inclina ante as súas normas, que elas acuñaron, e que tentan impoñer a todo o mundo.

Si, hai saída non entende a loita pola igualdade coma unha loita de sexos, se non como o intento de acadar os mesmos dereitos e as mesmas obrigas para ambos, sen perseguir supremacías que non son, nin mais nin menos, que un perfecto reflexo do machismo que din denunciar.

Tamén puidemos constatar que, malia respectar a todo o mundo, e dedicarnos única e exclusivamente ao noso traballo, ese respecto non era correspondido. O último ano foi particularmente duro, xa que as dificultades sobrevidas pola pandemia, tivemos que engadir, ademais de que se nos pecharan as poucas portas que tiñamos abertas, e ter que continuar loitando sen o apoio dalgún eido co que contamos durante anos, fundamental para o noso traballo, que nos fixo imposible, por exemplo, acompañar as vítimas no momento da denuncia, pagar o prezo algo mais que caro de rexeitar e denunciar públicamente o lamentable espectáculo que, desde algúns medios, se estaba a facer da violencia de xénero, tendo que chegar a soportar non únicamente discrepancias, o que non sería malo, todo o contrario, xa que se pode aprender moito dos diferentes puntos de vista, se non descualificacións, insultos e mesmo algunha que outra ameaza mais ou menos solapada, case sempre procedentes, o cal o fai aínda mais lamentable, de mulleres que se declaran feministas e mesmo referentes do feminismo.

Malia todo isto, as nosas ilusións, as nosas ganas de loitar, seguen intactas, así coma as nosas prioridades, igual de claras que a tarde do 2014 na que comezamos a camiñar.

Por todo isto, cando estamos a celebrar o noso 8o aniversario, desexamos agradecer de todo corazón o apoio de todos aqueles que, malia todo, e aínda sabendo que non sempre lles favorece, continúan estando con nos, como sempre estiveron nestes anos.

Non imos nomear a ninguén, porque correríamos o risco de esquecer algún nome e non sería xusto, pero non podemos deixar de ter un recordo e un agradecemento moi especial, un ano mais, para o eido xudicial, para a Uned de Lugo, para os medios de comunicación que nos dan voz, os centros de ensino que confían, ano tras ano en nos,e todo o noso agarimo para a primeira persoa que creu no noso proxecto, e que hoxe, oito anos despois, desde a distancia, pero sempre preto de corazón, segue a facelo.

A todos eles o noso profundo agradecemento, e, o maior de todos, as mulleres que confían en nos. Non lles prometemos milagres, porque non existen, nin lles pintamos de cor de rosa un camiño que sabemos é duro e longo, pero si teñen a nosa promesa de facer por elas canto estea nas nosas mans, malia que os nosos recursos sexan practicamente inexistentes, pero temos un que é, cremos, moi valioso e que non está ao alcance de todos: Fe no que estamos a facer.

Tamén pedimos perdón polos erros que, sen dúbida, cometemos, como seres humanos que somos, e tentaremos, pouco a pouco, mellorar cada día e corrixilos. Para rematar, queremos manifestar a nosa gran preocupación ante o mais que evidente e imparable aumento da violencia de xénero que se está a producir e a utilización dela que se está a facer, ben con fins políticos ou chegando a convertela nun auténtico espectáculo do que se están a lucrar cada vez mais desaprensivos, algo que non é novo, pero que, dun tempo a esta parte, está a acadar cotas escandalosas.

Así mesmo desexamos lanzar unha chamada de atención a quen corresponda, especialmente ao Goberno, acerca do cada vez maior número de mulleres que, seguindo o consello de denunciar ao seu maltratador, e malia ter, en moitos casos, ordes de afastamento en vigor, son agredidas e mesmo asasinadas por non estar debidamente protexidas e gozar os seus agresores de total impunidade.

É obvio que algo está a fallar na base, e que, se non se repara, toda loita é estéril, como estériles son os minutos de silencio e tantas e tantas manifestacións que, evidentemente, non son disuasorias para o que ten intención de matar e que o único que proporcionan é lucimento para moitos.


Texto: Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com