Máis de mil vehículos novos, semi-novos e quilómetro cero estarán dispoñibles no Salón Lugo Autoocasión. A mostra, organizada pola Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, atraerá á cidade a milleiros de persoas, de toda Galicia e as comunidades limítrofes, interesadas nas novidades do sector da automoción.
Os próximos 25, 26 e 27 de marzo o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo será o espazo ideal para todas aquelas persoas que buscan adquirir un vehículo. Quen se achegue a Lugo Autoocasión poderán percorrer os máis de 10.000 metros cadrados de exposición nos que terán á súa disposición unha cifra superior a 1.000 coches de 33 marcas diferentes. Os grandes fabricantes do sector estarán representados nun evento que será o escaparate das últimas novidades do mercado automobilístico e terá un especial carácter dinamizador e reactivador do mesmo no contexto actual.
O evento foi presentado hoxe nun acto celebrado no Salón de Xuntas do Pazo de Feiras no que o xerente da instalación, Rubén López, amosou a súa satisfacción por “volver situar a Lugo como a capital galega do motor cunha mostra na que estarán os fabricantes máis importantes do sector, representados polos seus concesionarios oficiais”.
Lugo Autoocasión representará, en palabras do propio xerente, “unha excelente oportunidade para que todas esas persoas que están pensando en mercar un coche poidan atopar o vehículo perfecto que responda ás súas necesidades”. Ademais, López destacou a “importancia de recuperar pouco a pouco a normalidade con feiras que, de seguro, servirán para darlle un pequeno impulso ao sector que lle axude a remontar o contexto de incertidumbre”.
Lugo Autoocasión nace co obxectivo de poñer en valor as propostas máis innovadoras dun sector industrial de vital importancia e á vez favorecer a venda de automóbiles. As persoas que visiten o evento poderán beneficiarse das vantaxes que lles brindará este gran espazo para mercar, probar, financiar e asegurar o automóbil que desexen.
As portas de Lugo Autoocasión estarán abertas, de forma continua, de 11:00 a 21:00 horas durante os tres días de duración do salón. A entrada terá un custo de 3 euros e os nenos menores de 12 anos poderán acceder de forma gratuíta.