“A sociedade española vive cunha profunda preocupación e gran malestar a escalada desbocada dos prezos que desde hai meses sufrimos no país. O pasado mes de febreiro, a inflación acadou unha nova cifra histórica ao se situar no 7.6%, o nivel máis alto desde 1986. A tensión dos prezos da electricidade, o gas, os carburantes e outras materias primas estase a trasladar ao prezo do resto de bens e servizos, que xa soben de xeito xeneralizado. As perspectivas non son boas. Toca actuar con celeridade”, así explican dende a Unión Comarcal de Lugo de Comisións Obreiras (CCOO) as razóns polas que, xunto con outras organizacións, organizan para mañá unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Lugo para condenar a suba dos prezos da enerxía.
O acto de protesta terá lugar mañá, día 23 de marzo, a partir das 19.30 horas.
CCOO chama así, á mobilización de toda a cidadanía o día 23 de marzo en todo o Estado, para lle esixir ao Goberno do Estado e á Unión Europea que actúen para conter a escalada disparatada dos prezos, protexer o emprego e frear o deterioro das nosas condicións de vida.
Neste marco, as organizacións convocantes mantiveron, a nivel comarcal, un encontro con outras organizacións sociais e políticas, na que participaron representantes de diversos sectores moi afectados pola actual suba do prezo da luz como o Sindicato Labrego Galego, organizacións ecoloxistas como Ecoloxistas en Acción e partidos políticos como Esquerda Unida e o Partido Comunista de Galicia.
De ese encontro saíu a idea de facer unha convocatoria o máis ampla posible e entre todas as organizacións alí presentes o firme compromiso de seguir a traballar en conxunto para loitar contra a pobreza enerxética.