A Deputación de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) convocaron unha liña de axudas por un importe total de 210.000€ para empresas e asociacións da provincia interesadas en contar con mozos e mozas en réxime de prácticas non laborais remuneradas. O prazo de solicitude abriuse este mércores tras a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da convocatoria, enmarcada no programa Reiníciate: Enfoca o teu futuro que teñen en marcha a institución provincial e a EOI, dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e que ten como obxectivo favorecer a inserción laboral da mocidade en profesións con alta demanda, como son as vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización, a través de formación gratuíta e prácticas remuneradas.
Estas axudas servirán para sufragar as becas que percibirán os rapaces e rapazas por un período de prácticas non laborais de tres meses. A remuneración total que como máximo recibirá o alumno ou alumna é de 2.084,47€, o que supón 1,2 veces o IPREM mensual. No caso de persoas cunha discapacidade superior ao 33%, a contía total a percibir será como máximo de 2.431,88€ por alumno, 1,4 veces o IPREM mensual. Cada entidade ou empresa beneficiaria das axudas poderá contar con varios alumnos ou alumnas.
Poden optar a esta convocatoria todas aquelas empresas de calquera sector, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro da provincia de Lugo que queiran incorporar no seu equipo a mozos para prácticas non laborais e que firmen un convenio co Servizo Público de Emprego con esta finalidade.
O prazo de presentación de solicitudes é de 60 días naturais e deben cumprimentarse por vía telemática na web www.eoi.es. As axudas concederanse a través dun procedemento de concorrencia competitiva. Para que as prácticas sexan subvencionables terán unha duración por un período de tres meses, cunha xornada mínima de 4 horas ao día e de 30 horas semanais como máximo.