Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos expresar a nosa mais contundente condena ante as graves e inxustificables manifestacións realizadas pola ex Comisaria Provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma, quen acababa de aprobar o seu ascenso a Comisaria Principal, no transcurso dun xantar de homenaxe a un compañeiro membro a UIP (Antidisturbios), que padece graves secuelas por mor dunha agresión sufrida no conflito do procés.
Nestas, Estíbaliz Palma, manifestou, en ton xocoso, que “Ya les gustaría a algunas que las violara un antidisturbios”, para, acto seguido, continuar, aludindo a parella do compañeiro homenaxeado, “Dicen que detŕas de un gran hombre hay una buena mujer. Dentro de poco será detrás de una gran mujer hay un buen hombre, o bien otra mujer, o un fluido, o un algo”, todo isto celebrado con risas por parte do seu auditorio, membros, así mesmo da policía.
Non é preciso, cremos, puntualizar a gravidade de tales comentarios, non soamente pola aldraxe e a inmensa falta de respecto que amosan para as mulleres en xeral, e para as vítimas de agresións sexuais e as de violencia de xénero en particular, máxime cando o seu número non cesa de medrar, se non por proceder estes dunha persoa que ostenta un cargo público representando a unha Institución como é a Policía Nacional, fundamental na loita contra estas lacras, muller, que se gaba, ademais, do seu talante feminista, algo que lle favoreceu, sen dúbida, no seu ascenso profesional, adquirindo, entre outros compromisos, o de traballar para tentar paliar o notable machismo que aínda está moi presente no seo da institución policial, achegándose, ademais, moi intelixentemente, desde a súa chegada a Pontevedra, a colectivos que, non sendo, nalgúns casos, precisamente favorables aos FCSE, mudaron a súa postura, chegando mesmo algúns a defendela nunha situación tan grave e tan evidente coma esta que ela mesma provocou.
Malia ser cesada de xeito inmediato tras as súas imperdoables manifestacións, desde Si, hai saída desexamos manifestar a nosa preocupación ante o que, consideramos, é tan so a punta dun iceberg, algo isto do que vimos alertando desde hai moito tempo, sen resultado, e que deixa en evidencia a necesidade urxente de revisar os criterios empregados para a designación de determinados cargos e funcións policiais, principalmente para aqueles relacionados coa violencia machista, que requiren unha especial sensibilidade, algo que non ten que ver coa formación, argumento co que sempre se rebate a nosa demanda, e que estamos seguros a maioría posúe, pero que non implica que sempre vaia acompañada da empatía, da psicoloxía e da vocación que esta labor require.
As deplorables palabras da Sra. Palma demostran as claras que non sempre se é o que se aparenta, e os cargos policiais non son alleos a esta realidade, algo que é doado que saia a relucir nun ambiente distendido, no que se baixa a garda, máxime habida conta de que é imposible para calquera finxir, día tras día, as 24 horas.
Por outra banda, non podemos obviar o feito de que estas manifestacións, malia estar feitas nun contexto mais ou menos informal, son pronunciadas no eido do colectivo policial, que as celebra con risas, algo, entendemos, non menos grave que aquelas e igualmente significativo, como graves e significativas tamén son as palabras do mando policial que recollen algúns medios de comunicación lamentando a súa marcha e a repercusión que as súas palabras terán para a súa carreira, así coma as de todos aqueles que saíron na súa defensa, moitas delas mulleres, argumentando que se atopaba rodeada de homes, e que se trata dunha persoa moi cercana, cun carácter moi afable, ignorando, polo que se ve, que se hai algún rasgo que defina a unha persoa machista, é o seu talante cordial, sociable, mesmo agarimoso chegado o caso, en público, pero que agocha unha realidade ben distinta.
Evidentemente, non soamente concordamos co seu cese, se non que pensamos que debería ser directamente inhabilitada, xa que, malia que non sexa no cargo que ía comezar a ostentar, como Comisaria Principal, o cal, por certo, produce arrepíos soamente de pensar nas premisas que podería transmitir en canto a violencia machista a aqueles que se atopasen as súas ordes, tal vez non verbalmente, pero si coas súas actitudes, damos por sentado que continuará exercendo como policía, tal vez desempeñando outras funcións e noutro destino, pero igualmente facendo dano.
Así mesmo, desde Si, hai saída cremos que, o mínimo que a Sra. Palma debería ter feito é amosar un mínimo de dignidade, dar a cara, e pedir desculpas, porque non soamente a súa imaxe, se non a da Institución, se ve, obviamente, manchada polo seu deplorable comportamento, e se non facelo se debe as premisas dadas polos seus superiores, a situación aínda se torna mais grave, porque a intención e clara: Levantar unha cortina de fume en torno a este asunto e deixar que pase ao esquecemento o antes posible, que é precisamente o que reclamamos que non suceda baixo ningún concepto, se non que, pola contra, este abominable suceso serva para facer un exercicio de reflexión e comezar, por fin, a tentar corrixir aquelo que non funciona correctamente.
As normas non son dogmas de fe, e, poden, porén, ser mudadas cando é preciso, ademais de ser imprescindible que evolucionen co fin de adaptarse as novas problemáticas sociais que van xurdindo, algo que non sucede no eido das FCSE, que continúa ancorado nuns criterios corporativistas, antigos e, guste ou non admitilo, machistas, e asumilo así e tentar arranxalo, non soamente non danaría a imaxe da Institución, se non que a honraría.
Pola contra, este muro de silencio, así como os argumentos que esgrimen aqueles e aquelas que defenden a Sra. Palma, transmite a sensación de que, o que lamentan, non é que dixo, se non que transcendera, algo, por certo, do que tampouco se nos escapa a gravidade, porque igualmente deplorable é o feito de que as súas palabras foran gravadas, e, posteriormente, filtradas.
A conclusión que se pode extraer deste feito é evidente, e tampouco deixa, lamentablemente, a Institución en moi bo lugar. Para rematar, desexamos deixar moi claro que, por descontado, sabemos que este deleznable comportamento non é propio de toda a Institución policial, que conta, obviamente, con excelentes profesionais nas súas filas, pero tampouco é unha excepción, e negar a realidade e ollar a outro lado non é bo, nin para a Institución, nin para a sociedade en xeral.