Dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE esixen da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña – Monforte o cumprimento “inmediato” do compromiso de reapertura paulatina do centro de saúde unha vez superada a sexta vaga e cualifica o anuncio de apertura a partir de setembro coma “unha nova tomadura de pelo á cidadanía sen xustificación algunha e que supón un retraso inaceptábel”.
Dende a plataforma valoran a reunión entre os concelleiros do PP de Guitiriz, o Xerente do Hula e o Delegado da Xunta coma unha “pantomima preelectoral” que supón un “aval ao peche do centro médico” durante dous anos xa e que “nos reafirma no “carácter político da decisión, que agora avalan e refrendan tanto o líder do PP de Guitiriz coma o concelleiro de Parga que esta formación ten”. “Porqué se non, está presente o delegado da Xunta en Lugo?” preguntan.
“A resposta é que non había e non hai unha motivación baseada en criterios médicos e sí en plantexamentos políticos de recorte auspiciados pola Xunta de Galiza e executados pola Xerencia do Hula. E todo co beneplácito dos nosos representantes políticos no Concello que ata o de agora estiveron calados”, din.
A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a sexta vaga, recuperando primeiro o servizo de enfermería e despois a atención médica en Parga, expresados nunha reunión a mediados de decembro. “O que onte anunciaron é un incumprimento do que prometeron”, denuncian.
“A sexta onda pasou afortunadamente e xá tiñamos que ter recuperada totalmente a enfermería e estar a incorporarse os médicos, mais prefiren agardar ata despois do verán escusándose nas vacacións cando, até a pandemia, cos mesmos efectivos, nunca tiveron problemas para cubrilas”, rematan.