O Concello executa a sentenza do 010 e avanza na redacción dos novos pregos que garantan a prestación do servizo

O Concello de Lugo vén de celebrar esta mañá unha Xunta de Goberno Extraordinaria para abordar a situación das traballadoras do 010 co obxectivo de executar a sentenza, xa firme, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia este mes e que recoñece o seu dereito a ser admitidas como persoal laboral indefinido da Administración local.

Deste xeito, o Executivo acordou a súa incorporación, acatando así o ditame mais, a continuación, procedeu a aprobar o seu posterior despido, seguindo as pautas recomendadas por diferentes informes técnicos, en prol de garantir que o servizo de atención telefónica poida prestarse axeitadamente á cidadanía.

A tenenta de Alcaldesa e responsable de Recursos Humanos quixo, en primeiro lugar, “agradecer e enxalzar o labor desenvolvido por estas catro empregadas, comprometidas co seu cometido e o valor da excelente función que viñan desempeñando como interlocutoras da Institución coa cidadanía de Lugo”. Pero sostivo que, “na decisión entre o que se quere facer, a continuidade destas traballadores, e o que podemos facer como Administración debe imperar sempre a garantía xurídica, os valores da función pública e o interese xeral”.

A edil explicou a argumentación na que foi substentada a decisión, en tanto “incorporar nestes momentos a estas catro persoas, sen praza contemplada na Relación de Postos de Traballo, as mantería sen funcións, xa que non é posible adscribilas a postos vacantes porque non existen postos de teleoperadoras semellantes que estean baleiros”.

Habería que artellar, por tanto, unha modificación da RPT e asignar os seus postos a outros departamentos, mantendo a súa función como teleoperadoras, e mentres habería que descontar a partida de 85.000 euros á que ascenden conxuntamente os seus salarios da consignada para prestar o servizo de atención telefónica, cuxo orzamento anual é de 93.000 €, o que minguaría, e case impediría, a funcionalidade do 010”, referiu a concelleira.

A edil asegurou, así mesmo, que o Concello está a avanzar na preparación dos pregos dun novo procedemento para sacar a licitación o 010 despois de analizar os custos que suporía asumilo con recursos propios.

“Compre engadir a necesidade de incorporar, tamén a través da RPT, as outras 6 prazas restantes (a maiores das 4 que recoñece a sentenza do TSXG), descontándoas do total das 22 previstas na OEP deste ano, para o que tamén sería preciso contar co beneplácito da Mesa Xeral de Negociación. O desenvolvemento desta Oferta Pública tardaría un mínimo de ano e medio en executarse, o que significaría non poder poñer en marcha o 010 até ese momento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com