Calquera pensaría que a oferta, por parte do Concello, dunhas visitas guiadas polo Casco Histórico completamente gratuitas podería ser unha boa forma de achegar aos turistas á cidade. E iso non se vai discutir, pero si se debate o feito de que dean de balde unha oferta que xa existe de pago, quitando así o traballo aos guías da cidade.
O sector vén de denunciar ante Xornal de Lugo esta programación da concellería de Cultura e Turismo que lles está a quitar o traballo nas épocas de maior afluencia de turistas: Semana Santa e o verán.
Todos os anos dende hai máis de 10 a Asociación Profesional de Guías de Galicia ofrece en Lugo (ao igual que noutras localidades), visitas guiadas ao casco histórico nas principais épocas do ano. Así os guías da asociación saen da Praza do Campo ás 12 horas do mediodía e fan un percorrido polos atractivos do centro da cidade. Malia que durante todo o ano ofertan visitas, o certo é que é en Semana Santa e no verán cando se dedican aos turistas que chegan sós, en parellas, familias ou grupos de amigos.
O problema, segundo a asociación, chegou nesta lexislatura, cando a Concellería de Cultura comezou a ofrecer o mesmo servizo de maneira gratuita, saíndo da mesma Praza do Campo tan só con media hora de diferenza. Dende o sector critican que, especialmente trala pandemia, é moi grave que a Administración actúe deste xeito nos únicos días fortes do ano.
Aseguran que a idea de que a administración organice actividades complementarias non lles parece mal, pois tamén programan visitas gratuitas de arte urbano, por exemplo. O que si lles parece mal é que realicen exactamente a mesma actividade sen ter en conta o traballo dos guias da cidade.
Outro punto en contra, é que ambas actividades se ofrecen directamente na Oficina de Turismo, explicando aos turistas que poden acudir a unha visita guiada ás 12h por 15 euros ou a outra igual ás 12.30h de balde.
Critican que dende o concello aseguren que é unha actividade non só para turistas, senón tamén para a veciñanza cando, precisamente nas épocas do ano nas que se pon en marcha os lucenses non tenden a estar na cidade.
Dende a Asociación Profesional de Guías de Galicia piden ao Concello que cesen estas actividades ou ben que as programen diferente, tendo en conta aos guias de Lugo e ao seu traballo.
Visitas da Asociación
Esta Semana Santa, a asociación programa saídas os días 9, 14, 15 e 16 de abril ás 12 horas dende a Praza do Campo fronte ao Centro de Interpretación da Muralla e a Oficina de Turismo. Prezo: Adultos 15 euros, nenos ata os 12 anos 2,50 euros. Ademáis desconto do 10% para quen teña Carné Xove.