A Xunta mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de matrícula nas Escolas Infantís

A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de matrícula nas 20 escolas infantís públicas autonómicas da provincia de Lugo, que a partir do vindeiro curso serán gratuítas para todo o alumnado.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe na cidade de Lugo o centro Paradai, onde salientou que todas as familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos poderán matriculalos sen custo ningún en calquera escola, con independencia da súa titularidade.

Arias fixo fincapé no beneficio que supón esta medida para as familias, que aforran de media 1900 euros por ter gratis a matrícula e a atención educativa en todas as escolas infantís desde que a Xunta comezou a aplicar en 2020 o custo cero para os segundos fillos e sucesivos.

Coa ampliación desta vantaxe a todos os cativos, Galicia é pioneira en ofrecer a atención educativa gratuíta en todas as fases do ensino, “desde os primeiros anos, que son fundamentais na vida dun neno, ata o bacharelato”, apuntou Arias.

En canto á escola de Paradai, ofrece 115 prazas distribuídas en oito aulas e conta cun cadro de persoal integrado por 19 persoas traballadoras. Como explicou o delegado, a Xunta investiu 73.000 euros nos dous últimos cursos para mellorar as instalacións. Entre as actuacións realizadas destacan a renovación de carpinterías metálicas e o acondicionamento do patio.

Na cidade de Lugo, a Consellería de Política Social tamén ten aberto o prazo de matrícula na escola infantil do Sagrado Corazón e na da Rede Galiña Azul, situada na avenida Paulo Fabio Máximo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com