O hip hop feminista chega á Pastoriza e Monforte da man de dúas rapeiras de El Salvador

As mozas e mozos que este ano participan no proxecto de educación para o cambio social Activistas polo Mundo Que Queremos recibirán a visita de dúas activistas salvadoreñas que loitan día a día contra a desigualdade de xénero a través da música hip hop. Son integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador a primeira organización de mulleres rapeiras do Salvador.

Chegan a Galicia nun momento de grande inestabilidade política no seu país tras ser anunciado fai apenas dous días o estado de excepción debido a escalada de violencia que se está a producir.

O obxectivo destes encontros que tiveron lugar hoxe no IES Fonmiñá da Pastoriza de 10:35h – 14:15h e no IES A Pinguela de Monforte de Lemos o vindeiro mércores 6 de abril de 12:35h a 14:15h, é que os mozos e mozas coñezan a loita destas mulleres que pertencen a un colectivo co que traballa a cooperación internacional galega, e que reflexionen sobre a realidade dun pais como O Salvador en primeira persoa. As rapeiras tamén se reunirán mañá, 1 de abril, coa Concelleira de Benestar social do Concello de Lugo.

Hip hop Femenino El Salvador fundouse no 2015 e ao longo destes anos foi forxando fortes lazos co movemento feminista, traballando con diferentes organizacións en actividades dedicadas á muller e á defensa dos dereitos humanos, especialmente Dereitos Sexuais e Reprodutivos. As mozas rapeiras integrantes deste colectivo que visitarán a nos aterra son Yezli Mic e Queen Mc.

Yezli Mic é cantante, compositora, activista e feminista. Leva 8 anos pertencendo á Cultura HIP- HOP como MC ( Rapeira).

QueenMc é compositora, cantante e activista. As súas letras baséanse nas realidades sociais que enfrontan as mozas do seu país, a visibilizacion dos dereitos humanos e o empoderamento da muller.

Como integrantes de HIP HOP FEMININO EL SALVADOR adícanse a dar charlas, obradoiros e concertos para visibilizar os Dereitos Humanos, as loitas sociais, e os diferentes tipos de violencia cara á muller, mostrando o hip hop como unha ferramenta para o activismo e a promoción da cultura de paz.

As ONGD galegas traballan man a man con organizacións salvadoreñas para poder contribuír a xerar as condicións necesarias para que a cidadanía se empodere e se organice na procura do seu propio desenvolvemento para equilíbrar os niveis de desigualdade estrutural que se dan neste momento.

En obradoiros anteriores o alumnado aprendeu o que significa ser unha persoa activista tanto en Galicia coma noutras partes do mundo. Tamén reflexionou sobre como as ferramentas comunicativas como a radio, pódenlles axudar no seu activismo realizando os seus propios programas de radio de denuncia. Agora coñecerán a dúas activistas que dende a música intentan cambiar a súa realidade.

Esta é a novena edición dun proxecto que en anos anteriores xa chegou a máis de 3.500 mozos e mozas de toda Galicia e que é posible grazas a unión de tres ONGDs, Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e ao financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Forma parte da plataforma de innovación educativa ‘Plan Proxecta’, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com