A Consellería de Traballo e Benestar investirá algo máis de catro millóns de euros en accións formativas dirixidas a desempregados na provincia de Lugo, correspondentes ao investimento descentralizado que xestiona directamente a Delegación Territorial de Lugo.
Serán un total de 84 cursos distribuídos nas tres liñas existentes segundo as entidades promotoras sexan os concellos, as entidades sen ánimo de lucro ou as empresas.
Segundo explicou a delegada territorial, Raquel Arias, “o obxectivo destas accións formativas é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, posto que entendemos que é imprescindible reciclarse e formarse en novas materias para poder competir axeitadamente e coas maiores garantías posibles no mercado de traballo actual”.
Neste senso, a delegada territorial reiterou que “a formación é básica para o acceso ao mundo laboral pero tamén é un aspecto clave para a competitividade das propias empresas”. “Consciente delo, a Xunta de Galicia fai un gran esforzo inversor en formar ás persoas en situación de desemprego que queiran reciclarse ou ampliar as súas competencias”.
En total, serán 1.260 o número de persoas desempregadas que poderán beneficiarse destas accións formativas no conxunto da provincia.
Ampla oferta de cursos
Sete concellos e a Deputación provincial organizan 14 cursos, aos que se destinan preto de 600.000 euros. Destes 14, cinco centraranse na atención sociaosanitaria a persoas dependentes, ben sexa en institucións sociais ou no domicilio.
A oferta tamén inclúe dous cursos de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil; así como de operador de maquinaria de escavación, operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, promoción turística local e información ao visitante; socorrismo en espazos acuáticos naturais; dinamización comunitaria e xestión de repoboacións forestais e de tratamentos silvícolas.