O Goberno Central achegará 4,4M€ para converter en Zona de Baixas Emisións o casco histórico

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Lugo que o Goberno achegará a mobilidade sostible, eficiente e de baixas emisións a un terzo da poboación de Galicia a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Será a través dun investimento de 35,7 millóns de euros que aprobou destinar o Ministerio de Transportes a 21 proxectos de seis concellos galegos dentro da convocatoria de 2021 de axudas para proxectos de mobilidade sostible e modernización do transporte público: “máis de novecentos mil galegos e galegas poderán gozar dunha mobilidade máis segura, máis sostible e máis conectada nos seus municipios”, sinalou.

José Miñones desprazouse ata a cidade de Lugo onde presentou, xunto coa alcaldesa, Lara Méndez, o proxecto Zero Emisións: centro verde, que obtivo 4,4 millóns de euros desta convocatoria. Este proxecto, impulsado polo Goberno Local, permitirá que o centro histórico de Lugo se converta nunha Zona de Baixas Emisións. Ante a alcaldesa e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, José Miñones subliñou que “o Concello de Lugo fai cidade e o Goberno de España axuda tamén a facer cidade”, cun modelo máis sostible, ecolóxico e con mellor calidade de vida para as persoas. Tamén felicitou á alcaldesa pola transformación que está a impulsar o Goberno local da cidade de Lugo, “unha cidade de futuro que non quere deixar de mirar o seu pasado”, engadiu.

Miñones recoñeceu o esforzo dos gobernos locais, como o de Lugo, que se presentaron á convocatoria do Ministerio de Transportes xa que todos captaron fondos da mesma: “Unha vez máis, os concellos souberon estar á altura do reto que presentaba esta convocatoria”. De feito, o pasado setembro, José Miñones reuniu a rexedores e rexedoras de Galicia para presentarlles os pormenores da liña de axudas, que nesta ocasión estaba dirixida a cidades de máis de 50.000 habitantes ou concellos de máis de 20.000 habitantes que contaran con transporte público urbano e plan de mobilidade sostible.

O delegado lembrou que, con esta liña, o Goberno busca acelerar a descarbonización das cidades, mellorar a calidade do aire e mitigar o ruído mediante o impulso de zonas de baixas emisións (ZBE), a transformación sostible do transporte público colectivo e a dixitalización da mobilidade.

En total, son 21 proxectos que se desenvolverán nos concellos de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense , e Arteixo, ademais de Lugo. Todos os proxectos subvencionados deberán estar rematados antes do 21 de decembro de 2024. Entre os proxectos subvencionados hai plans de peonalización, construcción de carrís ciclistas, ou adquisición de bicicletas e autobuses eléctricos, ademais de impulsar as Zonas de Baixas Emisións.

José Miñones avanzou que o Ministerio de Transportes vai lanzar en breve unha nova convocatoria de axudas, á que se poderán presentar os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, coa condición de que conten cun Plan de Mobilidade Sostible. Esta convocatoria contará cun orzamento dispoñible de 500 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com