Galicia en Común mantivo unha reunión onte con Comisión Obreiras de Lugo para abordar a problemática da negociación colectiva do metal. Á reunión asistiron o deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, a portavoz de Podemos Galicia, Verónica Hermida e as integrantes de Podemos Lugo Ayla Armesto e Ximena Cheda.
“É xusto que os 3500 traballadores que conforman estes momentos o sector industrial, pero particularmente do metal e que están a desenvolver unha tarefa moi relevante, poidan ter o mesmo salario que o resto de traballadores do país”, sinalou Gómez Reino.
“É fundamental que nun momento de gran dificultade económica os traballadores cobren o que lexitimamente teñen que cobrar. Imos apoiar todas as demandas dos traballadores da man do sindicato”, alega o secretario xeral de Podemos Galicia.
Ao termo da reunión, Gómez Reino mantivo unha xuntanza co círculo de Podemos Lugo e tamén coa Federación de Asociacións Veciñais de Lugo para abordar distintos temas locais que incumben á cidade como son os servizos ferroviarios, urbanismo e cuestións sociais.