Comisións Obreira anunciou esta maña o falecemento de Julio Agrelo Trigo, un dos referentes históricos do sindicato na provincia de Lugo e membro tamén da primeira corporación democrática do Concello de Lugo. Pola súa traxectoria, o sindicato concedeulle en 1993 o Premio 10 de Marzo e hai dous anos foi homenaxeado —canda outros compañeiros lugueses— pola súa achega ao sindicato e á loita obreira.
O presidente da Fundación 10 de Marzo e ex secretario xeral de CCOO, Xan María Castro, salienta o labor de Agrelo na constitución das Comisións Obreiras. «Julio asistía, aínda na clandestinidade, ás reunións da coordinadora das CCOO de Galicia», explica Castro. «Foi un dos fundadores do sindicato» e unha das «persoas clave» na súa expansión e consolidación na provincia de Lugo, apunta.
Outro ex secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, incide tamén no papel de Agrelo na expansión do sindicato no ámbito comarcal e provincial. Ambos pertencían á antiga Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos, da que Aguión foi secretario xeral varios anos.
Aguión lembra a Agrelo como un «sindicalista a pé de conflito» e «moi recoñecido e valorado tanto polos compañeiros do sindicato como polos da súa empresa», o matadoiro Frigsa. A de Lugo «era e aínda é unha comarca con moita industria cárnica e tivemos moita relación, especialmente no longo conflito de Frigsa», sinala.
Nunha das súas últimas entrevistas, Julio Agrelo cualificaba a sede comarcal de CCOO, na rolda da Muralla, como un dos seus lugares preferidos na cidade. «É o meu sindicato de sempre e para min foi importante ao longo da miña vida», afirmaba.