Presentación das ‘I Xornadas contra a violencia de xénero’ organizadas por Alar Galicia

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, a responsable da Unidade contra a violencia sobre a muller, Ana Belén Pacio, e o presidente de Alar Galicia, Fernando González Truque, presentaron esta mañá as I Xornadas contra a violencia de xénero que organiza a asociación, e que se celebrarán o vindeiro luns, día 22, no salón de actos do edificio da Xunta en Lugo.

Ramón Carballo destacou o “carácter multidisciplinar” do encontro, que contará coa participación de representantes de distintas Administracións públicas, do poder xudicial, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, organizacións sociais e medios de comunicación. Esta ampla representación, subliñou o subdelegado, é “especialmente reseñable” porque para loitar contra a violencia de xénero “resulta imprescindible a unidade, potenciar o traballo conxunto”.

As persoas interesadas en asistir á xornada poden inscribirse, de xeito gratuíto, na web www.alar-galicia.es ou no teléfono 982.24.33.16.

No que vai de ano, 15 mulleres perderon a vida en España a mans das súas parellas ou ex parellas, unha delas na nosa comunidade (en Ourense). A consecuencia destes feitos, 19 menores quedaron orfos. No ano 2014, o número de vítimas mortais foi de 54 en España, seis en Galicia e dúas na provincia de Lugo, nos concellos de Foz e Cervo.

O subdelegado do Goberno amosou a súa “máis enérxica condena e repulsa” hacia a violencia machista e aproveitou para animar a todas as mulleres que sofren malos tratos, e tamén “a todas as persoas que teñan coñecemento de casos deste tipo”, a denunciar os feitos. “Non é só a nosa obriga legal, senón tamén un deber solidario e humano que temos para axudar a esas mulleres. Non podemos ser cómplices dos maltratadores co noso silencio”, engadiu.

Ramón Carballo referiuse ao traballo realizado dende a Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno para a “detección e prevención de casos de violencia machista, así como para visibilizar e concienciar sobre a dimensión desta realidade” e lembrou que, nas xuntas de seguridade, dende o seu cargo está a promover a adhesión dos concellos ao Protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e as Policías Locais para o seguemento e protección das vítimas.

Ata o momento, nove concellos da provincia adheríronse xa a este protocolo (Ribadeo, Burela, Vilalba, Quiroga, Chantada, Mondoñedo, Palas de Rei, Cervo e Sarria), e outros dous (Lugo e Viveiro) están en proceso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com