“Alcarrás” gañadora do Oso de Ouro no Festival de Berlín, estrease maña nos cines Codex

Os Codex Cinema estrean mañan “Alcarràs”. Logo de conquistar o corazón da crítica e do público co seu anterior filme, Verano 1993 (Estiu 1993), a cineasta catalá Carla Simón (1986) alzouse co máximo galardón do festival de Berlín, fito que non alcanzaba unha cinta española dende que Mario Camus acadou o mesmo premio en 1983 con La colmena (sen incluír La teta asustada, de Claudia Llosa, coproducida xunto a Perú en 2009). Asemade, a directora converteuse así na primeira muller española en conseguir este premio.

En Alcarràs, Simón narra, cun sobresaínte naturalismo, como a familia Solé, que leva oitenta anos cultivando pexegos nas mesmas terras, reúnese para afrontar unha última colleita. A directora aborda unha historia que coñece ben, pois a súa familia cultiva pexegos no mesmo
pobo que dá nome á cinta, Alcarràs. Unha maneira de traballar a terra, a tradicional, hoxe en crise. A película é unha homenaxe á resistencia das familias que non desexan abandonar a súa forma de vida. Simón fala tamén das tensións xeracionais, a necesidade de superar as
tradicións e a importancia da unidade familiar ante as adversidades. Por iso aposta por facer un filme coral interpretado por actores naturais de Alcarràs.

A segunda estrea desta semana é El cuarto de Mona, segundo filme do pontevedrés Darío Autrán (1987) quen realizou o seu debut, Tilda & Jean, en 2010. Autrán é director, guionista e actor, tarefa que desempeñou en numerosas montaxes escénicas baixo o paraugas de Abismo
Caracol, a súa produtora cinematográfica e teatral. Tamén é un practicante habitual da curtametraxe, títulos como Nidos de luz, Efectos de mayo, Lecciones de la niebla ou Salamandra son proba diso.

El cuarto de Mona supón a primeira incursión de Autrán na comedia e fíxose cos propios medios dos seus artífices. Rodada en 2020 durante a pandemia, contou cun equipo de cincuenta persoas e unha vintena de intérpretes, entre eles figuras tan recoñecidas como
Melania Cruz ou Manuel Manquiña. A actriz principal de El cuarto de Mona é Sabela Hermida, intérprete e bailarina que neste filme afronta o seu primeiro papel protagonista.
Este venres 29 haberá un pase especial da película en Codex, ás 20:45, e acudirán a presentala o director e a actriz principal. Logo da proxección celebrarase un coloquio co público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com