A partir de maña venres, os cines Codex inclúen na súa programación dúas estreas moi relevantes que teñen como marco primordial a Segunda Guerra Mundial.
A primeira delas é Onoda, 10.000 noitas na xungla, filme francés que vén de gañar numerosos premios no circuíto de festivais e que afronta a incrible historia de Hirō Onoda, o soldado xaponés que, logo da capitulación do seu país, se rendeu no tardío ano de 1974. Galardoada no
Festival de Sevilla co Gran Premio do Xurado e o Premio ao Mellor Guión, gañadora do Premio ao Mellor Guión nos César 2022 seleccionado como filme inaugural da sección Un Certain Regard no Festival de Cannes 2021 Onoda, 10.000 noites na xungla terá un par de pases especiais en Codex.
A segunda estrea desta semana é Onde está Anne Frank?, agardado novo filme de animación do israelí Ari Folman tras conquistar o corazón dos espectadores de todo o mundo coas súas anteriores películas, Vals con Bashir (2008) e O congreso (2013). Detrás desta singular
abordaxe da tráxica historia da rapaza xudía está a Fundación Ana Frank de Basilea que propuxo a Folman que escribira o guión e fixera a película, a cal presentouse fóra de concurso durante o pasado festival de Cannes.
Onde está Anne Frank? traza un diálogo que abarca oitenta anos de historia, dende o Holocausto ata o presente. O filme sitúa na Ámsterdan actual a Kitty, a amiga imaxinaria a quen Frank lle adicou o seu diario, quen pensa que ao estar ela viva, Frank tamén o estará.
Desta maneira comeza un percorrido a través de Europa na procura da rapaza no cal teremos ocasión de observar de maneira crítica a percepción turística á que en ocasións está sometida unha páxina tan escura da historia como foi a shoah, coñecer a situación de clandestinidade que teñen que afrontar día tras día milleiros de inmigrantes en situación de ilegalidade ademais de desfrutar, por primeira vez na historia, do célebre diario de Ana contado integramente en imaxe animada. Un filme comprometido, necesario e valente que poderemos desfrutar en Codex tanto en versión orixinal titulada como dobrado ao castelán.