Tres membros dunha familia de Abadín, pai, nai e un fillo menor, foron evacuados esta madrugada con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.
Mareos, vómitos e perda de consciencia foron algúns dos indicios que fixeron sospeitar aos servizos de emerxencias sobre unha acumulación de gas no interior da vivenda.
Todo sucedeu ás 4:30 horas desta madrugada no domicilio situado no lugar de Celeirote. Segundo informou o equipo sanitario a través do 112 Galicia, unha familia de tres membros presentaba un cadro médico compatible cunha intoxicación por monóxido. Faltaba, por tanto, comprobar mediante as correspondentes medicións se efectivamente a acumulación deste gas no interior da vivenda provocara o malestar da familia e mesmo a perda de consciencia do cativo. Deste xeito, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros de Vilalba, quen, despois de realizar a inspección necesaria, confirmaron a alta concentración de monóxino no domicilio. Un aspecto, por certo, que xa avanzaran os detectores instalados na ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ao lugar en canto recibiron a notificación.
No interior da casa, nada parecía indicar a orixe, pois carece de subministro de gas e tampouco había fontes de calor acendidas. Sen embargo, os bombeiros localizaron unha cociña de ferro que, se ben estaba apagada, botáranlle auga, e sospeitan que isto podería ser a causa. Non obstante, nada hai confirmado ata unha revisión máis a fondo.
Pola súa parte, a dotación médica trasladou a familia ao centro hospitalario de referencia, e os bombeiros procederon a ventilar a vivenda ata recuperar os niveis de normalidade.