O vindeiro domingo 19, ás 20:45 nos Codex Cinema, haberá un pase especial de Regreso a Reims, documental do galardoado cineasta francés Jean-Gabriel Périot, especializado na curtametraxe que transita a ficción, o documental e o cinema experimental. O filme, presentado nos festivais de Cannes e San Sebastián de 2021, conta, mediante material de arquivo, unha historia íntima e política da loita obreira francesa dende os anos cincuenta ata a actualidade.
Asemade a partir do venres haberá dúas estreas dentro da súa programación.
A primeira estrea é Tenéis que ir a verla, a orixinal proposta de Jonás Trueba. Un filme que é unha invitación expresa para acudir ás salas de cine. Segundo o prestixioso director madrileño ir ao cine converteuse nun acto de resistencia polo que este filme fíxose dende esa mesma convicción, con rapidez e determinación, cunha sensación de irrealidade froito da pandemia pero coa ilusión do reencontro. Unha breve película que é unha celebración da vida.
A segunda estrea é Fantasías dun escritor, novo filme dun dos máis celebrados cineastas franceses dende comezos dos anos noventa, Arnaud Desplechin. Seleccionada para participar no Festival de Cannes de 2021 o filme adapta a novela Engano de Philip Roth e narra un amor fou entre un escritor e a súa amante no Londes dos anos oitenta. Conta no seu reparto con estrelas francesas da magnitude de Léa Seydoux, Denis Polaydès e Emmanuelle Devos.