Preto de 23.000 persoas concorrerán este sábado e domingo ás oposicións de educación nas 145 sedes habilitadas pola Xunta en 14 localidades de toda Galicia. En concreto, as probas para o corpo de mestres comezarán mañá, sábado 18 de xuño, mentres que para o resto (inspectores, profesores de ensino secundario, de escolas oficiais de idiomas e de artes plásticas e deseño) serán o domingo 19. Todas elas optan ás 2.484 prazas.
Todas as probas serán en centros educativos, ben sexan colexios, institutos ou centros de FP e universitarios. A provincia de Lugo contará con 15 sedes que estarán situadas na cidade e en Monforte de Lemos.
Con carácter xeral, a hora de presentación para os 222 tribunais será as 9 da mañá, salvo excepcións puntuais, e a primeira proba desenvolverase ás 11,00 horas. En calquera caso, as persoas opositoras teñen toda a información dispoñible no Portal Educativo. Cómpre
lembrar que, ao abeiro do acordo asinado coas organizacións sindicais, as persoas interinas e substitutas non estarán obrigadas a presentarse ao procedemento.
É o segundo ano consecutivo na que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades descentraliza o proceso de oposicións. O proceso desenvolverase segundo o sistema habitual, ofrecendo certezas ás persoas que levan anos preparando estas probas.