As edís de Benestar Social e Muller e Igualdade destacaron o elevado interese por estas prestacións, que incrementaron a súa capacidade logo de dous anos de limitacións de aforo debido á pandemia. As familias lucenses presentaron este ano un total de 1.500 solicitudes aos programas municipais de conciliación durante o verán organiza a traveso das áreas de Benestar Social e Muller e Igualdade. A demanda duplicou, así, a oferta existente que, este ano, xa sen restricións de aforo derivadas da Covid, incrementaron a súa capacidade poñendo a disposición da cidadanía un total de 680 prazas: 480 a través das Aulas Abertas e outras 200 por mes dentro do Aprende Xogando, a razón de 120 na quenda de mañás e outras 80 na de tarde.
Tanto Olga López como Silvia Alonso coincidiron en sinalar que “o éxito destas prestacións obedece, por unha parte, a que resultan imprescindibles, e dun xeito moi significativo en épocas como esta, onde é complexo compaxinar as vacacións de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia sen descoidar as necesidades de atención das e dos máis pequenos da casa; e por outra parte a que as condicións tanto de horario como de custo económico fanas accesibles, cumprindo co noso obxectivo de acadar unha maior equidade e xustiza social”, afirmaron as concelleiras.
Logo de que o prazo de presentación de instancias rematara xa para as dúas iniciativas, este xoves darán comezo as actividades no caso do Aprende Xogando e o próximo venres, 1 de xullo, iniciaranse as Aulas Abertas que se desenvolverán nos Centros de Convivencia da capital e tamén na Casa da Música. Durante as mesmas, as crianzas terán oportunidade de compartir momentos lúdicos e de socialización con outros nenos e nenas da súa idade dunha forma pedagóxica e construtiva, compartindo xogos e vivencias nun espazo seguro e, sempre que se poida, ao aire libre, fomentando ademais a interculturalidade que define á sociedade lucense.