A área de Medio Ambiente que dirixe Miguel Fernández procederá a instalar nas próximas horas unha barreira de contención ao pé da Captación de Auga para tratar de frear o vertido detectado no río Miño, en Outeiro de Rei, a altura da parroquia de Santa Mariña.
Trátase dunha medida de carácter puramente preventivo coa que se pretende atallar a posibilidade de que a mancha de combustible siga a estenderse e chegue a afectar á traída pública da capital, contribuíndo así, ademais, a manter controlada a súa evolución.
Pese a que se descarta calquera risco para a saúde da poboación a área de Medio Ambiente lembra que os Depósitos Municipais de auga teñen unha capacidade de almacenaxe para dar servizo á veciñanza un mínimo de dous días, ao tempo que recorda tamén que o Concello realiza continuamente analíticas, con medidores específicos sobre unha serie de parámetros, para garantir a calidade e potabilidade da auga.