Esta semana Codex Cinema inclúe dúas estreas con forte compromiso LGBTIQ+. A primeira é Benediction, novo filme do prestixioso director británico Terence Davies, figura esencial do cinema inglés dende os anos oitenta. Gañadora do premio ao Mellor Guión no Festival de San Sebastián, foi seleccionada para participar no Festival Internacional de Cinema de Toronto e nos Premios do Cinema Independente Británico.
O filme percorre a biografía do poeta Siegfried Saasson, home complexo que logo de ser condecorado tras loitar na Primeira Guerra Mundial tornouse nunha figura crítica coa labor do goberno británico. Converteuse nun dos principais poetas de guerra e a súa vida íntima foi moi conflitiva, mantivo aventuras con homes e tivo serios problemas para aceptar a súa homosexualidade; finalmente fíxose abandeirado da institución do matrimonio e do catolicismo como vía de escape ante a pegada que os horrores da guerra deixaron nel, matrimonio que finalmente fracasou. A película céntrase na traxedia que supuxo a vida persoal do poeta e na procura dunha redención nunca acadada. A obra autobiográfica de Saasson, a Triloxía de Sherston, é moi celebrada xunto ao groso da súa obra poética.
A outra estrea da semana é Moneyboys, debut na longametraxe do director chinés C.B Yi, quen durante a súa adolescencia emigrou dende China ata Austria, onde estudou na Academia do Cine de Viena xunto a mestres como Michael Haneke e Christian Berger. O filme conta a historia de Fei, que vive na gran cidade exercendo a prostitución; cando descobre que a súa familia acepta os cartos que envía pero non o seu estilo de vida o rapaz decide comezar unha nova vida. O director sinala que non é unha historia destinada soamente á comunidade LGTBIQ+, que non está destinada a alguén en concreto, nas súas propias palabras: “Moneyboys trata unha situación moi concreta, a migración dun rapaz dende a China rural ata a gran cidade, pero para min é unha historia universal sobre as relacións persoais que podería suceder en calquera outro lugar do mundo”. O filme foi rodado en Taipei ante a imposibilidade de facelo en China; a pesar de que é a cidade taiwanesa a que aparece en pantalla suxírese que realmente sucede no sur chinés.
Moneyboys foi estreada na sección Unha Certa Mirada do Festival de Cannes de 2021 e dende entón percorreu máis de quince festivais ao longo de todo o mundo.
Poden consultar toda a programación en: www.caldiae.gal