Continuando co percorrido polas dependencias municipais para coñecer aos traballadores do Concello, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estivo esta mañá no Parque de Bombeiros de Lugo, encontro que aproveitou para trasladar ao persoal o “agradecemento en primeira persoa” polo bo traballo acometido durante a celebración do Arde Lvcvs, parabéns que tamén deu á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil.
Lara Méndez confirmou asemade que se cumpriron as expectativas e unhas 600.000 persoas visitaron a cidade para participar nas 260 actividades organizadas para o evento.
En canto aos prazos para a formación do Goberno local, a rexedora subliñou que esta semana continuarán os contactos para seguir avanzando e pechar acordos que garantan a constitución do executivo “canto antes”. Destacou neste senso que “non hai ningunha cuestión infranqueable para chegar a acordo; negociable, todas”. A Alcaldesa engadiu que non vai “escatimar” para garantir unha xestión municipal de calidade.
“Queremos acoutar o gasto o máximo posible, con dúas premisas: unha, de tres grupos municipais pasamos a seis, e dúas, non vamos renunciar a un goberno estable, funcional, eficaz e eficiente, para o que necesitamos medios materiais, económicos e de recursos humanos”, explicou.