A Xunta investirá este ano 834.000 euros nas axudas dirixidas a apoiar os 11 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia de Lugo e os programas municipais destinados a promover a igualdade, prever e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informaron hoxe da resolución da orde de axudas a entidades locais para fomentar accións neste eido. Na actual convocatoria benefícianse destes apoios 47 municipios lucenses, o 70% do total, que concentran preto do 86% da poboación da provincia.
A maior contía vai destinada a financiar a actividade dos CIMs, que reciben 576.500 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para manter 29 postos de traballo con funcións de dirección, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Ambos responsables autonómicos explicaron que os 11 centros de información á muller da provincia -situados en Lugo, Chantada, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela – dan cobertura a 38 concellos e teñen unha cifra estimada de usuarias que ronda as 1.350.
Outra das liñas destina 244.900 euros a sufragar os programas de fomento da conciliación impulsados por cinco administracións locais da Mariña -Alfoz, Barreiros, Mondoñedo, O Valadouro e Xove -; outras tantas da comarca de Lugo -Rábade, Castroverde, Outeiro de Rei, Portomarín e O Corgo; ademais de Sober, Bóveda, Palas de Rei, Antas de Ulla, Guitiriz, Xermade, Becerreá e O Incio.
Con esta segunda medida, a Administración autonómica axuda aos concellos para que poidan levar a cabo iniciativas de conciliación -como campamentos de verán e de Nadal ou servizos de madrugadores, entre outras-, e que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes. As contías son de ata 18.000 euros para as solicitudes individuais e ata 30.000 para as de xestión compartida. Os importes máximos aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e 2.000€ máis para a compartida.
Por último, a liña centrada na promoción da igualdade e a prevención e tratamento da violencia de xénero beneficia ao Concello de Guitiriz, que percibe 12.500 euros para desenvolver un programa de atención psicolóxica a mulleres en situación de vulnerabilidade e a os seus fillos e fillas. Neste caso, as contías máximas aumentaron en 3.000 euros con respecto á anterior edición.