O Concello de Lugo instala bancos intelixentes dotados con punto de acceso wifi gratuíto e sensores que proporcionan información sobre a calidade ambiental, ofrecendo, ao mesmo tempo, aos cidadáns a posibilidade de recargar bicicletas eléctricas, así como diferentes dispositivos como teléfonos ou tablets. Os bancos dispoñen así mesmo dun aparcabicis por cada lateral.
Nestes momentos, xa se atopan instalados catro bancos, diante do instituto Leiras Pulpeiro, na rúa Orquídea; fronte ao Mercadona da Fonte dos Ranchos; na beirarrúa dereita da Rolda do Carmen (en sentido Fonte dos Ranchos); á altura do cruce do Camiño Primitivo (onde se sitúa o paso de peóns intelixente); e na parte alta da rúa Santiago, preto da Rolda da Muralla. Máis adiante, instalarase un quinto no Paseo do Miño, na zona próxima á ponte romana.
Os bancos, dotados con paneis solares, contan con sensores de temperatura, humidade e presión; luz ambiental LED; portos de recarga de dispositivos electrónicos, a través de cable e tamén de forma inalámbrica, entre outras especificacións. Ademais, disporán dun compresor de aire, para o inflado de rodas, e un kit básico de ferramentas para o arranxo de bicicletas.