O PSOE provincial, diante a situación na que atopa a elección da presidencia da Deputación de Lugo, ven de afirmar publicamente que a de Manolo Martínez é a única proposta oficial que existe ao respecto, pois esta foi ratificada pola executiva na reunión celebrada o pasado venres, así como pola dirección federal do PSOE.
Juan Carlos González Santín, o outro candidato socialista que saíu derrotado nas votacións dos deputados da provincia de Lugo o pasado venres, amosou esta tarde unha vez máis, o seu apoio ao alcalde de Becerreá, xa que “o Partido xa tomou unha decisión”. “Creo que temos que ser serios e responsables non só coas nosas siglas, senón tamén cos cidadáns que, o pasado 24 de maio, outorgaron ao PSOE os mellores resultados da historia na provincia”, afirma.
Asemade, e dadas as esixencias do Bloque Nacionalista Galego, González Santín apela á responsabilidade desta formación política. “Confío plenamente en que os dirixentes do Bloque Nacionalista Galego teñan altura de miras e, finalmente, o apoien a elección de Manolo Martínez como presidente, xa que a súa inculpación é por un procedemento administrativo”. E é que, asegura, “non se está respectando a súa presunción de inocencia, pois nin tan sequera se lle abriu xuízo oral”, conclúe.