A Concellería de Muller e Igualdade convoca o o certame “Lugo pola Igualdade”

A Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, pon en marcha, por segundo ano consecutivo, o certame Lugo pola Igualdade, que recompilará vídeos na rede social TikTok. Esta actividade forma parte dos actos que organiza a Concellería, e que se presentarán nas vindeiras semanas, para conmemorar o Día Internacional Contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, que se celebra o 23 de setembro.
O obxectivo desta convocatoria é potenciar a reflexión e a concienciación sobre a igualdade e contra a explotación sexual e tráfico de mulleres a través da actividade creativa. Para isto, elixiuse a plataforma TikTok, pola facilidade de creación que proporciona e por ser unha das redes sociais favoritas da mocidade.

Formar parte deste certame é tan sinxelo como subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir o seguinte formulario de inscrición: https://cutt.ly/xXhecdm, onde tamén se poden consultar as bases. A duración máxima das obras será dun minuto e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social, sendo imprescindible que a conta sexa pública. Poderán participar todas aquelas persoas que residan, traballen, estudien ou naceran en Lugo maiores de 14 anos e non serán admitidas obras con linguaxe xenófoba, machista, homófona, racista, violenta ou de incitación ao odio.
Tal e como explicou Silvia Alonso, os vídeos deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres (proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución, etc.).

O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros. A data para a inscrición, que é totalmente gratuíta e online, é do 5 ao 23 de setembro de 2022 (ambos os dous días incluídos) e as persoas gañadoras daranse a coñecer
o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com