O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que promove a Xunta, recala mañá en Lugo cunha das citas principais, o espectáculo de maxia extrema Centímetros cúbicos que protagoniza Víctor Cerro. O espectáculo é gratuíto e terá lugar na rúa da Raíña a partir das 20,30 horas.
Víctor Cerro está considerado un dos mellores escapistas do mundo e ten un récord mundial en maxia extrema. Neste reto, deberá evitar ser arrastrado por un vehículo de gran cilindrada; estará presentado polo xornalista deportivo Terio Carrea.
Outro dos pratos fortes do festival será a gran gala máxica internacional, que se celebrará o 3 de setembro no auditorio Gustavo Freire. Sete dos mellores magos e magas do panorama internacional traerán a Lugo actuacións de maxia de preto, escapismo, maxia de gran formato, telequinese, mentalismo, poesía máxica ou ilusionismo infantil. A gran gala máxica será o único espectáculo deste festival para o que se precise entrada, aínda que o custo é reducido, cun prezo único de 12 euros, para as entradas que xa están á venda en www.galiciailusiona.es