A mostra itinerante “NO CAMIÑO” foi inaugurada no Centro Sociocultural do Concello de Baralla. Co subtítulo “As imaxes que viron os peregrinos” recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte. A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago por toda Galicia.
Con este Proxecto-Homenaxe a –coñecidos ou anónimos- históricos Señores da Luz e da Palabra, SEÑORES DOS CAMIÑOS en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.
As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.
Organiza esta acción o COLECTIVO CULTURAL EGERIA, coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o Presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz.