O bosque urbano das Gándaras acollerá esta fin de semana contacontos musicais, dirixidos a nenas e nenos a partir de 3 anos, coa finalidade de difundir valores medioambientais, económicos e sociais relativos ao monte e o seu coidado, ao tempo que se achegan as singularidades deste novo pulmón verde da cidade, enmarcado no proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.
En total, haberá catro sesións, o sábado 10 e o domingo 11 de setembro, ás 12:00 e 17:30 horas cada un dos dous días, que terán lugar na área dedicada ao souto do bosque urbano. O acceso é de balde, pero para participar será precisa a inscrición previa, a través do enderezo electrónico lifealcaldia@lugo.gal. Ao celebrarse nun espazo aberto e solleiro, recoméndase que as nenas e nenos leven gorra e protección solar. En caso de choiva, a actividade trasladaríase ao interior do edificio Impulso Verde.
O espectáculo que se representa é unha obra teatral musical chamada “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco”. Coma nas edicións anteriores celebradas nos meses de agosto e setembro do 2021, os contacontos musicais están organizados en colaboración con FEARMAGA, a Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia. As nenas e nenos asistentes recibirán un exemplar do conto “As Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco” e material didáctico do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
O bosque urbano das Gándaras alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.