A Xunta de Galicia reforza o servizo de comedores escolares cun investimento extra de 1,4 millóns este ano. Así o salientou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao colexio Doutor López Suárez de Friol, onde compartiu os preparativos para o inicio mañá do primeiro curso pospandemia e agradeceu ao profesorado o seu labor.
Na súa visita, o responsable autonómico de Educación explicou que o esforzo orzamentario por parte da Administración autonómica “permitirá blindar este servizo sen que se incremente o gasto das familias, elevando o investimento ata os 50M€. “Pese ao contexto da inflación desbocada, mantemos firme o noso compromiso de ofrecer un servizo de comedor de calidade e baseado na renda familiar o que fai un dos máis xustos e baratos do conxunto do Estado”, engadiu.
Na mesma liña, precisou que a oferta de comedor, sumada ao servizo de transporte escolar, son dous dos principais indicadores da boa saúde da que goza o ensino rural en Galicia. “No caso do centro que hoxe visitamos, a meirande parte do alumnado fai uso do comedor de xeito gratuíto e chega ao centro nunha das liñas de autobús escolar da Xunta de Galicia”, explicou.