Do 19 ao 24 de setembro de 2022 imos celebrar a edición XLIV da Semana de Cine de Lugo, mergullando a cidade nunha marea cinematográfica cunha morea de títulos para engaiolar e homenaxear aos devotos lucenses da sétima arte.
É, certamente, e así o concebimos, unha homenaxe a todos os que se senten atraídos, conmovidos, conquistados por unha arte-ciencia que cambiou o mundo, e cada lembranza a feitos e xentes, recoñecidas ou anónimas, que fixeron inmenso o mundo da imaxe, está vinculada a toda a sociedade, e a todos nos abrangue.
María e Margarita
María Casares e Margarita Ledo Andión son as dúas persoeiras vencelladas ao cine e a Galicia, que entrarán a formar parte dos fitos do “Paseo do Cine”, no que placa a placa imos deixando plasmados en bronce recoñecementos feitos en vida ou en lembranza a galegos que son ou foron grandes para a súa terra e para a imaxe.
No caso da primeira, María Casares, é un caso de xustiza ao cumprirse cen anos do seu nacemento, reivindicándoa como galega senlleira que triunfo moi lonxe da súa terra conquistando coa imaxe e o son o respecto e a admiración de todos os que dela souberon. No caso de Margarita Ledo Andión, das terras lucenses de Castro de Rei, pola súa traxectoria literaria, docente, investigadora e cinematográfica.
Cadansúa placa que levan as caricaturas que lles fixo Siro López Lourenzo, Siro, o xenial debuxo-periodista galego (Se os periodistas que utilizan a fotografía son foto-periodistas, Siro, imposible de encaixar nunha determinada clasificación, debuxante e escritor, permítanos a inusual denominación) incorporaranse o luns, 19 de setembro, na xornada inaugural da Semana ás que lembran aos anteriores galardoados na Semana.
No descubrimento das placas, ás 18,00 h., ademais de representantes das institucións que promoven a Semana, agardamos que participen: No descubrimento da de María Casares, o escritor lucense Claudio Rodríguez Fer; e na de Margarita Ledo, ademais da homenaxeada, o alcalde do seu concello de Castro de Rei, Francisco Javier Balado; e nos dous casos o autor das caricaturas, Siro.
Ata este momento figuraban no lucense Paseo do Cine, Prudencia Grifell, Carmen Correa e Frank Braña, dos homenaxeados con anterioridade, e dos grandes actuais, Antonio Mourelos, Luis Tosar e Luis Iglesia. Coas incorporacións deste ano, serán catro mulleres e catro homes os honrados con esta especial distinción.
Homenaxes de cine
Ese mesmo luns, ás 20,00 h., no salón da Deputación Provincial, vaise proxectar “Nación”, a obra máis recente de Margarita Ledo Andión, con aforo limitado, e previa retirada da oportuna invitación.
Por outra parte, desde o martes, na Biblioteca provincial, ofrecerase un ciclo de películas protagonizadas por María Casares, comezando as proxeccións ás 18,00 h.
O mércores, na Deputación Provincial, ás 20,00 h., vaise proxectar a xa mítica película “El acorazado Potemkin”. (Serguei Eisenstein, 1925-V.O. con subtítulos en castelán), que constitúe unha homenaxe ao pobo de Ucraina que sofre unha guerra despiadada, acreditando o repudio xeral pola situación creada.
E tamén na sala da Deputación Provincial, o xoves, ás 20,00 h., lembraremos a José Luis López Vázquez no seu centenario coa proxección da película rodada en terras da montaña lucense, “El bosque del lobo”.
E o venres, ás 20,00 h., na Deputación, renderase unha Homenaxe-lembranza a Darío Xohán Cabana proxectando a película “A mariñeira”, de Antón Dobao, sobre un relato de Darío. Participará neste acto este director lucense e a familia de Darío Xohán Cabana.
Esta primeira honra a Darío, con motivo da Semana de Cine de Lugo, Fonmiñá ofrécella pola súa especial relación coas Semanas de Cine durante os anos nos que foi o responsable do Auditorio Gustavo Freire, no que estableceu con todos os membros da organización unha especial relación de colaboración e amizade.
Exposición “María Casares”
Ademais da colocación da placa na súa honra no Paseo do Cine de Lugo, e a proxección de varias das súas películas, na Bibilioteca Provincial, o Grupo Fonmiñá vai abrir a exposición “Centenario de María Casares”, sobre a vida e obra desta galega universal que se inaugurará o martes, 20, ás 17,30 h.
Con este motivo presentarase, e regalarase aos asistentes, o libro MARÍA CASARES, obra de Manuel Curiel Fernández, Director da Semana de Cine.
Asi mesmo, nas pantallas da entrada desta institución exhibiranse ininterrumpidamente as entrevistas que se conservan da actriz.
Especial atención á fotografía
Como é habitual nas Semanas de Cine de Lugo, ademais do esencial papel do cine préstase a debida atención á fotografía (orixe do cine), tendo en conta ademais de que se cumpren douscentos anos do nacemento desta arte-ciencia que revolucionou o mundo e se incorpou de xeito imparable á nosa vida.
Dous libros e unha homenaxe comprenden a programación desta XLIV Semana relacionada coa fotografía:
O luns, vaise entregar a publicación “Fonmiñá, 1985-2021”, de Eduardo Rodríguez Ochoa, no que se fai historia de actividades relacionadas coa fotografía neste período na capital lucense. Recibirán cadanseu exemplar os asistentes ao descubrimento das placas no Paseo do Cine, á proxección de “Nación” na sala da Deputación Provincial, e ao acto inaugural no Auditorio Gustavo Freire.
O martes, ás 20,00 h., na Deputación Provincial, renderase homenaxe ao fotógrafo de Miguel Díaz Fernández (Foto Miguel), ás portas de cumprir 90 anos (Ribadeo, 1933), pioneiro na fotografía turística e aérea na costa lucense.
E o xoves, na Casa do Concello, presentarase o libro “LUGO A TRAVÉS DO TEMPO”, coordinado por Eduardo Rodríguez Ochoa, no que se recollen visións de onte e de hoxe da capital lucense, nun exercicio de memoria e imaxinación sobre a evolución urbana da cidade que enmarca a nosa vida.
E homenaxe á música…
Para comezar oficialmente a Semana, música a cargo da Banda da Semana, “Sons e soños” de Rábade-Begonte-Outeiro de Rei-Friol, que dirixe Armando Morales. Música especialmente relacionada co cine, fusión de artes en homenaxe á cultura que dará paso ao inicio das proxeccións desta Semana.
É esta unha serie ininterrumpida de homenaxes que cristalizan en setembro, o noso tempo do cine, o tempo no que Lugo disfruta e vive o cine, nos que invitamos a participar a todos os lucenses.