Os habitantes de Lugo comprometidos coa reciclaxe poderán obter dende hoxe recompensas cada vez que reciclen as súas latas e botellas de plástico de bebidas. Isto é posible grazas á aposta do Concello por Reciclos, o Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) desenvolto por Ecoembes, co que ambas entidades buscan fomentar a reciclaxe de envases na cidade e promover unha economía verde e circular.
A nova campaña foi presentada este luns, nun acto que tivo lugar na Praza Horta do Seminario, coa participación do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, así como do xerente de Ecoembes en Galicia, Fernando Blázquez.
Os veciños e veciñas de Lugo poderán reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 800 contedores amarelos das rúas da cidade -aos que se lles incorporou un Código QR- e obter recompensas que poderán doar a proxectos locais como, por exemplo, a asociación Alume Saúde Mental, a cal atende as necesidades de saúde mental dos seus asociados e familiares ou, no ámbito rexional, apoiar a nenos afectados pola Síndrome de Phelan-McDermid (PMS), grazas á colaboración coa asociación homónima.
Así mesmo, os usuarios de Reciclos en Lugo tamén poderán contribuír a nivel nacional destinando os seus puntos a crear o primeiro Bosque Reciclos, a través da reforestación e recuperación dunha zona natural degradada, ou doándoos á Asociación Española Contra o Cancro (AECC), para brindar acompañamento psicolóxico especializado a pacientes e familiares.
Lugo é un dos primeiros concellos de Galicia, tras Sanntiago e Vigo, en impulsar esta acción conxunta con Ecoembes.