CCOO denuncia falta de persoal e deficiencias de seguridade nos pisos de acollida do Concello

A sección sindical de CCOO denunciou na Inspección de Traballo distintas irregularidades laborais na Casa da Muller do Concello de Lugo, que xestiona pisos de acollida para as mulleres vítimas de violencia machista. As cuestións denunciadas polo sindicato afectan a puntos como a conciliación, a saúde no traballo ou a xornada realizada. A medida tomouse tras a falta de resposta ou as respostas «incoherentes» por parte da Administración local ás peticións formuladas polo sindicato, que tamén se queixa da falta de persoal.

“A situación máis grave denunciada é a esixencia de que o persoal da Casa da Muller faga labores que non forman parte do seu cometido profesional, como por exemplo mantemento das caldeiras, que por riba están en mal estado, co consecuente risco”, sinala CCOO.

O sindicato lembra “que estas funcións non están previstas na relación de postos de traballo (RPT), nin contan coa preceptiva avaliación de riscos laborais —conforme marca a lei—, polo que esta obriga entendemos que non se axusta á legalidade”.

“Ante o risco que isto supón, o sindicato rexistrou un escrito o pasado 15 de xullo, que máis de dous meses despois aínda non foi respondido. Isto, malia se teren dado situacións tan perigosas como un enchufe cheo de auga”, advirte CCOO.

O sindicato tamén pon de manifesto “a falta de persoal para este servizo e a ausencia de vontade política por parte do Concello para atender esta demanda. Por exemplo, unha praza de traballadora de familia, vacante por xubilación, non se cubrirá porque o Goberno local optou por crear unha praza máis de policía á custa deste servizo. Outro tanto acontece cunha praza de psicoloxía, actualmente ocupada pola xefatura do servizo de Muller e Igualdade”.

CCOO sinala “que a falta de persoal non só implica unha maior carga de traballo para o resto, senón que produce unha mingua na calidade dun servizo público que atende a mulleres nun momento e nunha situación especialmente vulnerables”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com