A Fiscalía investiga á Xunta pola vaga de lumes deste verán

A Fiscalía vén de remitir resposta ás denuncias presentadas polas diversas entidades que conforman “Por un Monte galego con Futuro” informando que incoará dilixencias coa fin de determinar a posíbel comisión dun delito contra o medio ambiente dos artigos 325 e 326 do Código Penal, relativo á protección da flora.

As entidades da plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciaban “o desleixo do goberno da Xunta de Galiza ante a vaga de lumes que nos meses de xullo e agosto produciran graves efectos nos montes e ecosistemas de máis valor de Galiza”.

Na súa denuncia sinalaban expresamente “á consellaría de Medio Rural pola súa inacción perante uns lumes que arrasaron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro, entre outros. E apuntaban que o dano producido polos incendios forestais, coa calcinación de miles de hectáreas de montes e destrución de ecosistemas, agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe”

Para a plataforma “Por un Monte Galego con Futuro  o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de activarse todo o operativo de Tempada de Máximo Risco de Incendios” tal e como estabelecía o PLADIGA 2022 e debíanse ter adoptado, ademais, as medidas complementarias estabelecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español.

A plataforma afirmaba tamén, no escrito dirixido á Fiscalía, que “os indicadores diarios de incendios forestais permitían vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais, como así lamentabelmente pasou a partires do 14 de xullo”,e que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes coa fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”.

Por un Monte Galego con Futuro’ chamaba tamén a atención sobre a “dramática situación vivida en aldeas e poboacións, con varias casas calcinadas por uns incendios forestais incontrolados pola falla de medios, nomeadamente entre o 14 e o 27 de xullo. E recalcaban que o operativo para extinguir os incendios estivo desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com