A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lamentou hoxe que o anteproxecto de orzamentos da Xunta de Galicia “ignore tanto as débedas e compromisos adquiridos hai anos cos e coas lucenses como as súas competencias, ao non incluír partidas para o Centro Histórico, a conservación do patrimonio, os barrios e o rural. Mesmo menospreza os proxectos anunciados por Feijóo para Lugo xusto antes de marchar para Madrid”.
Méndez tachou “de falta de respecto a Lugo que o presidente, Alfonso Rueda, impuxese, sen consenso, unha día (o 24 deste mes) para reunirse con ela para escoitar as necesidades da cidade, cita que se se celebrará xa cos orzamentos presentados”. Lembrou que, “pola contra, ela lle solicitou a reunión o 31 de maio, 15 días despois de tomar posesión, polo que tivo seis meses para reunirse comigo e coñecer o sentir de Lugo; agora, a xuntanza do luns se presenta como un mero trámite e unha foto baleira de contido”.
Na súa valoración do anteproxecto de orzamentos, a alcaldesa destacou “o nulo compromiso co Centro Histórico, onde a Xunta elude as súas responsabilidades ao non existir partidas económicas para a recuperación de vivendas nin para o Hospital de San Miguel e a Casa Torre, así como para o Museo da Romanización de Galicia ou para a recuperación dos fornos romanos atopados na UI-7 do barrio da Tinería e que constitúen unha das maiores concentracións deste tipo de infraestrutura industrial do noroeste peninsular”.
Méndez advertiu, ademais, que “a Xunta se esquece, outro ano, dos barrios, como o de Paradai, Sagrado Corazón e Estación, os principais beneficiados de que finalice o Plan Paradai tras 21 anos desde o seu inicio. Os orzamentos inclúen a mesma partida de 500.000 euros de todos os anos, que nunca se executa. Entendemos que tampouco no 2023, debido a que xa anunciou a candidata do PP que esa obra non é prioritaria porque non lle dá réditos políticos”, lembrou.