A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a catro anos de cárcere a un home que abusou dunha menor discapacitada cando tiña 11 anos. Os maxistrados consideran probado que aproveitou que se quedou a soas coa vítima no seu domicilio, pois era amigo da súa familia, para realizarlle tocamentos. O tribunal condenouno como autor dun delito de abusos sexuais a menor de idade con prevalecemento, pois asegura que se aproveitou “da situación de superioridade que tiña fronte á menor, en atención á amizade que tiña coa familia e á discapacidade que sufría”. Os maxistrados, os cales tamén tiveron en conta a atenuante de dilacións indebidas, pois os feitos sucederon en xaneiro de 2012, tamén lle impuxeron a prohibición de aproximarse á afectada e de comunicarse con ela por calquera medio durante cinco anos, así como cinco anos de liberdade vixiada, unha vez cumprida a pena de prisión.
“O relato da menor, levado a cabo como proba preconstituída, unido ás periciais que se efectuaron e ao contido das mensaxes que lle remite á nena e que son o detonante para a investigación da causa, apuntan de maneira inequívoca a un acto de pleno contido sexual que atenta contra a liberdade e indemnidade sexual dunha nena, levado a cabo por alguén moi próximo á contorna familiar e dunha madurez que nada tiña que ver coa que reflectía esa nena, cun atraso madurativo que resultaba evidente, e de cuxa situación se aproveitou”, salienta a Sala na resolución, contra a que cabe presentar recurso.