Menos mal que chove

Vivimos unha tormenta perfecta na terceira década dun século que soñamos de progreso e resultou brutalmente agresivo e opresor, como se quen decide experimentase connosco para calibrar a nosa resistencia.

Un conflito bélico convertido en problema mundial enfronta aos dous bloques políticos do vello mundo, onde o que parece máis tolo ameaza con bombas nucleares. E a guerra non só repercute nas aportacións de material bélico e no aumento do militarismo, senón tamén no subministro de gas ou no de cereais imprescindibles para a nosa alimentación.

Xéranse incrementos de prezos brutais, non só nos produtos vinculados á área bélica, senón practicamente en todo o que consumimos, nunha dinámica imposible de asumir pola clase media, que agora poucos saben o que significou.

As reglas do mercado non permiten a fixación de prezos, polo que o goberno opta polo máis doado de subvencionar combustibles en lugar de cortar o problema de raiz, polo difícil que resulta regular a actividade dos que impoñen condicións. E os consumidores soportamos incrementos de dous díxitos no índice de prezos, que resultaría brutal se fose crible, porque todos experimentamos que ou se trucan os resultados, ou non inclúen os produtos que máis nos afectan.

Prométennos aumentos de pensións e soldos, para que pechemos os ollos a unha realidade insoportable. E nesta terra na que en tempos sobraba auga, suspiramos porque chova, como se a auga fose a solución. Pois se o refrán quere que “as penas con pan sexan menos penas”, con tan negra situación, mesmo xa andamos máis contentos porque para afogar penas, alomenos xa viñeron as choivas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com