Abre o prazo para solicitar as axudas ao silvopastoreo do programa “O que non arde”, de Medio Rural da Deputación de Lugo
Segundo se establece nas bases, publicadas este venres no Boletín Oficial da Provincia, a convocatoria artículase en dous eixos: un,
dirixido a titulares de gandeirías de ovino, cabrún e porcino, e outro, a asociacións gandeiras e federacións de produtores que fomenten o
silvopastoreo.
No primeiro caso, Medio Rural da Deputación ofrece achegas para a adquisición ou mantemento de peches para xestionar o manexo e protexer o gando da fauna salvaxe, como pastores eléctricos ou valados de diferentes tipoloxías, así como para os gastos técnicos de deseño e
construción doutros sistemas innovadores para o aproveitamento multifuncional do monte e a convivencia do gando coa fauna salvaxe. No
segundo, o financiamento vai destinado ao desenvolvemento de accións de formación e asesoramento técnico que fomenten o silvopastoreo preventivo de lumes.
As persoas e entidades interesadas teñen ata o 28 de outubro, incluído, para presentar as solicitudes, dacordo cos modelos publicados no BOP e dispoñibles tamén na web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal), no apartado da área de Medio Rural. O orzamento destinado ás axudas é de 60.000 euros.