Dez concellos da provincia contarán cunha biblioteca móbil o vindeiro ano

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades porá en marcha a principios do vindeiro ano un proxecto piloto de biblioteca móbil en dez concellos lucenses das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Sarria.

Os concellos nos que se porá en marcha deste programa son: Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, que ocupan unha extensión aproximada de 1.500 qm2 e suman arredor de 10.000 persoas que serán potenciais usuarias do servizo.

O obxectivo é prestar un servizo bibliotecario de calidade e versátil nestas áreas caracterizadas pola escasa entidade de poboación ou pola dispersión territorial. Unha furgoneta recalará dous días ao mes en cada concello, un deles na capitalidade e o outro en ruta por algunhas parroquias.

Responsables da Consellería reuníronse estes días cos alcaldes na Delegación Territorial de Lugo para explicarlles a iniciativa e comezar a concretala; son os concellos os que elixen as datas nas que queren contar co servizo no municipio e as rutas a seguir.

Cómpre destacar que o programa realizarase en colaboración coas administracións locais, entidades prestadoras de servizos sociais e educativos, tecido asociativo e o público xeral, polo que terán cabida actividades en centros municipais, casas niño ou centros de maiores, entre outros.

A biblioteca móbil parte cunha colección de 500 títulos, que inclúen libros, películas, música, xogos físicos e dixitais, ou publicacións periódicas como revistas; pero da acceso ao catálogo doutros centros bibliotecarios de ámbito provincial ou autonómico, que se poden achegar a demanda.

Atenderá os servizos básicos de calquera biblioteca: expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación de usuarios no manexo do catálogo en liña e GaliciaLe (a biblioteca de préstamo dixital de Galicia), servizo de referencia bibliográfica, especialmente para buscas en Internet, ou prescrición de contidos e recomendacións de lectura.

Pero ademais, tendo en conta as características da poboación destinataria, atenderá especialmente aos servizos de alfabetización dixital para as persoas usuarias co obxectivo de reducir a fenda dixital.

Igualmente, promoverá o acceso á lectura e á cultura a través das adecuadas accións de dinamización lectora, e levaranse a cabo accións de difusión para dar a coñecer o servizo e achegalo ao público destinatario.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com